Thursday 16 de May de 2024

O Concello e a Xunta investirán 1,1 millóns de euros para reformar e facer máis accesible a estación de autobuses


Carlos Negreira, acompañado por Belén do Campo, visitou esta mañá os traballos que se están a realizar para mellorar a accesibilidade no interior do edificio e para crear accesos peonís seguros dende Pérez Ardá

O alcalde da Coruña, Carlos Negreira, visitou esta mañá as obras que se están a executar na Estación de Autobuses dentro do Plan Director desta infraestrutura en coordinación coa Xunta de Galicia. Estivo acompañado pola delegada provincial do ente autonómico na Coruña, Belén do Campo, e pola concelleira de Mobilidade, Begoña Freire: “Trátase dun conxunto de actuacións que deseñamos ente aXunta e o Concello, dentro do diálogo institucional que estamos a manter e que tratarán de poñer ao día unha estación de autobuses que leva practicamente sen actualizar dende a súa apertura en 1973. É un proxecto que forma parte dos compromisos asumidos polo Goberno local e que responde ás demandas dos máis de 5 millóns de usuarios e máis de 200.000 autobuses que utilizan as súas instalacións cada ano”, subliñou Carlos Negreira
Tal e como detallou o alcalde, o Plan Director, posto en marcha en 2014, supón un investimento de 1,1 millóns de euros en varias actuacións “para adecuar a estación de autobuses e dotala dunha maior permeabilidade, accesibilidade e seguridade”. Nestes momentos xa finalizaron os seguintes traballos: a pavimentación de 7.600 metros cadrados correspondentes ás plataformas, co obxectivo de mellorar o tránsito, a seguridade e a comodidade dos viaxeiros: “Solo hai que recordar como estaba o pavimento”, sinalou o alcalde, quen enumerou a gran cantidade de fochas, charcos e ondulacións das plataformas; a dotación de aparcabicis; a creación de aparca motos cuberto; e a reparación dun grupo electróxeno. Neste conxunto de actuacións investíronse ao redor de 300.000 euros.
Actualmente están en marcha as obras de accesibilidade, a cargo da Xunta, por un importe de 383.691 euros, consistentes na instalación de dous novos ascensores que conectarán a planta principal da estación coas dársenas de saídas e chegadas e a instalación de dous novos tramos de escaleiras mecánicas entre a planta semisoto e as dársenas: “O obxectivo é adecuar esta estación, en funcionamento dende os anos 70, ás novas normativas de accesibilidade,” asegurou Belén do Campo, quen destacou a boa coordinación e colaboración entra ambas as dúas administracións co obxectivo de fomentar o uso do transporte público.
Tamén comezaron as obras correspondentes ao Concello para abrir o acceso de usuarios á estación a través da rúa Pérez Ardá. Cun investimento de 35.000 euros, a actuación considera dous accesos peonís dende a rúa Alcalde Pérez Ardá ás plataformas de chegadas e saídas da estación. Para iso, será necesario demoler dous módulos do valo de peche, un fronte a cada peirao. Formularanse, a partir de ambos os dous accesos, ramplas e pasos de peóns convenientemente sinalizados. A instalación semafórica estará dotada dun sistema de detección que permitirá coordinar o paso dos autobuses e de peóns. Resolverase, desta forma, unha demanda histórica da cidade, á vez que se mellora a conectividade entre buses urbanos e interurbanos.
Xa está adxudicada a mellora de accesibilidade a través da rúaCaballeros por 175.018,22 euros. A obra, a cargo do Goberno local, pretende a adaptación dos accesos á normativa de accesibilidade: remodelarase a rampla para persoas con mobilidade reducida, para pasaxeiros con maletas ou mercadorías; mellorarase e acondicionará a fronte da parcela para facilitar a mobilidade peonil, así como a comodidade e seguridade do usuario e eliminaranse as barreiras arquitectónicas.
Este conxunto de actuacións completarase coa reforma funcional do interior da estación de autobuses. Unha obra á que o Concello destinará en torno a 180.000 euros para facer deste espazo un lugar máis amable, funcional e cómodo para o usuario.
“As novas obras nos accesos pola rúa Caballeros e por Pérez Ardá, supoñerán unha mellora da seguridade e a accesibilidade, farán máis permeable a estación, entrar será máis cómodo e flexible e facilitaremos un acceso que non hai. Ademais a adecuación do interior mellorará a confortabilidad dos usuarios”, sinalou Carlos Negreira.
Tal e como informou o acalde, o acondicionamento da estación de autobuses irá en paralelo ao desenvolvemento da estación intermodal, “unha infraestrutura que ten como obxectivo estar lista en 2018″, coa chegada da alta velocidade á cidade. Estamos a traballar dende o ministerio, a Xunta e o Concello nunha folla de ruta que pretende licitar as obras en 2015 e adxudicalas en 2016 para que estea operativa cando chegue a alta velocidade”, informou o alcalde, quen destacou o importante esforzo de coordinación entre todas as administracións para facer coincidir os prazos de todas e cada unha das actuacións. “Independentemente desta importante infraestrutura, o que está claro é que os millóns de usuarios que utilizan a actual estación de autobuses e que o seguirán facendo en 2015, 2016, 2017 e parte de 2018 non teñen por que verse prexudicado por unha accesibilidade anticuada e unha pavimentación deficiente. A amortización destes 1,1 millóns de euros é razoable para unhas obras que posibilitarán unha mobilidade máis segura e eficiente”, concluíu Carlos Negreira.